DECÁLOGO POLO CLIMA

A Covid-19 demostrou que se poden adoptar decisións drásticas a favor do ben común. Non podemos volver á vella normalidade que está na orixe da Covid-19 e da emerxencia climática. O Movemento Galego polo Clima lanza á sociedade e aos partidos que concorren ás eleccións ao Parlamento galego do próximo 12 de xullo as seguintes propostas. 

1. Mudar o sistema para que non mude o clima.

Combatermos con contundencia e xustiza a emerxencia climática require dunha profunda transformación socioeconómica cun enfoque ecofeminista. Cómpren políticas ambiciosas para  decrecer o consumo de recursos naturais (enerxía primaria e materiais) nun 40% antes de 2030, relocalizar a produción e o consumo, redistribuír a riqueza, fortalecer os servizos públicos, valorizar e repartir igualitariamente os labores de coidados e apoiar con medidas de transición xusta ás traballadoras e territorios afectadas polos inevitábeis cambios produtivos. Para iso, resultan fundamentais unha reforma ecosocial da fiscalidade, a eliminación dos subsidios aos combustíbeis fósiles e a empresas grandes emisoras de gases de efecto invernadoiro (GEI), a educación ambiental, a participación social e a autoxestión, ou un sector empresarial público.

2. Evitar un quecemento global maior de 1,5º C.

Galicia debe contribuír a evitar un quecemento global maior de 1,5ºC, que tería consecuencias catastróficas, sobre todo para as persoas e os países empobrecidos. Para iso, cómpre reducir as nosas emisións de GEI en, polo menos, un 65% en 2030 con respecto a 1990, de cara a atinxir o obxectivo de emisións netas en 2040, a máis tardar. Estas metas recolleranse nunha Lei galega de Cambio Climático e Transición Enerxética.

3. Descarbonizar o sector eléctrico antes de 2030. 

Necesitamos un sistema enerxético 100% renovábel antes de 2040, baseado en recursos propios e en mans da cidadanía. O sector eléctrico será 100% renovábel xa antes de 2030, para o cal a Xunta apoiará o peche da central de carbón das Pontes en 2021 e promoverá posteriormente a clausura das dúas centrais de gas natural. A porcentaxe do noso consumo final de enerxía procedente de fontes renovábeis debe pasar do 35% actual a un mínimo do 80% en 2030

4. Reducir a mobilidade motorizada e impulsar o transporte verde. 

As emisións de GEI do transporte de persoas e mercadorías en Galicia medraron un un 50% desde 1990, até converterse no maior sector emisor despois da produción eléctrica. Urxe reducir a mobilidade motorizada a través do ordenamento territorial e promover con forza o transporte colectivo e os modos non motorizados (peonil, bicicleta). Demandamos a creación dun servizo ferroviario de proximidade e unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas.  A Xunta deixará de subvencionar a compra de turismos privados.

5. Reestruturar a industria. 

A industria, a través do consumo de enerxía fósil e de certos procesos de fabricación, representa o 14% das emisións de GEI do país. É especialmente salientábel o impacto climático das industrias metalúrxica e siderúrxica, que ademais son electrointensivas e demandan un terzo do noso consumo eléctrico. É necesario promover a adaptación da estrutura e a produción do sector industrial galego aos límites ambientais, a cobertura da súa demanda enerxética de forma máis eficiente e con fontes renovábeis e a súa integración na economía circular. 

6. Cambiar o modelo turístico.

O turismo é un sector sobredimensionado cunha responsabilidade crecente na crise climática. Necesitamos un modelo turístico sustentábel de distancias curtas, máis desestacionalizado e que poña en valor o entorno social, cultural e ambiental máis próximo. Débese desincentivar tanto a emisión como a chegada de turistas en avión, o medio de transporte máis nocivo para o clima, desbotando subsidios aos voos. A Xunta aprobará unha ecotaxa turística e restrinxirá as vivendas de uso turístico. 

7. Apostar pola agroecoloxía. 

As emisións de GEI no sector agrogandeiro galego supoñen un 12% do total, sendo o que máis xera tras a transformación e o consumo de enerxía. A Xunta impulsará a mudanza do modelo intensivo actual a un extensivo de base ecolóxica, favorecendo a produción, distribución e consumo de orixe local. Débese fomentar a soberanía alimentaria e a agroecoloxía até acadar un 40% da superficie cultivada para 2030 e o 100% para 2040. É necesaria tamén unha moratoria tanto para os novos proxectos de gandaría intensiva como para a ampliación dos actuais.

8. Promover unha alimentación con baixa pegada de carbono.

O impacto climático do noso consumo de alimentos é hoxe moi alto. É preciso promover o consumo de proximidade e a alimentación ecolóxica, reducir a demanda de carne e lácteos e eliminar o desperdicio alimentario. Neste sentido, a política de compra de alimentos da Xunta para os servizos que xestiona asumirá o obxectivo dun mínimo do 50% en 2025 e do 100% en 2030 cuberto por alimentos producidos con criterios agroecolóxicos e garantirá opcións de menús vexetarianos e veganos.

9. Reducir o consumo enerxético e a xeración de residuos nos fogares.

A Xunta debe impulsar un plan masivo de rehabilitación enerxética e autoconsumo renovábel nos fogares, priorizando aqueles que sufren pobreza enerxética. Ademais, a rehabilitación e o uso das vivendas baleiras anteporase á construción de novas vivendas. Canto á xestión dos residuos domésticos, abandonarase a incineración en 2025 e camiñarase cara a un modelo de residuo cero baseado na transparencia nos procesos de reciclaxe e na compostaxe da fracción orgánica. Redución de polo menos un 20% en peso dos residuos xerados en 2025 e dotación  de instrumentos e medidas que incentiven a prevención, a reutilización, a reparación e a reciclaxe, por esta orde.

10. Atinxir a neutralidade climática sen eucaliptización. 

A mitigación real da emerxencia climática esixe aproveitar ao máximo as posibilidades de reducir as emisións de GEI nas súas fontes. Ademais, para acadar a neutralidade  climática só se considerarán as absorcións de CO2 procedentes da conservación e a ampliación da superficie ocupada por hábitats naturais como os bosques autóctonos e as turbeiras. A Xunta renunciará a contabilizar as posíbeis absorcións de CO2 atribuíbeis a plantacións forestais como os eucaliptais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s