Campaña de mocións en todos os concellos do país. Pensamos globalmente, actuamos localmente.

Desde o Movemento Galego polo Clima (MGpC) comezamos unha campaña de presentación de mocións en todos os concellos de Galicia para intentar reducir o impacto ambiental de todo o noso territorio desde o ámbito local.

A campaña é unha máis das actuacións que o MGpC desenvolverá durante os días nos que se celebra a 28ª conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP 28).

Sabemos que as competencias para solucionar esta crise climática de nivel planetario quizais estean en institucións supraestatais pero a lentitude coa que están a actuar, obríganos por conciencia e ética a facer o que estea na nosa man tamén a nivel local. Recorremos ás portavoces da cidadanía nos concellos, pedímoslles que abran os ollos e observen as evidencias científicas, e que nos digan que por elxs non vai quedar, que nos digan que van facer o que poidan, e pedímoslles que o fagan.

O que lles solicitamos é sinxelo: pedímoslles que presenten unha moción no seu concello na que se inste ao goberno municipal a tomar unha serie de medidas a nivel local. Unhas medidas que suporán unha considerable redución do impacto medioambiental do concello.

Poden decidir modificar o modelo de moción que lles enviamos, pois, anque o desexable é aprobar todos os acordos que lles propomos, o importante é que en todos os concellos do país se tomen medidas contra o quentamento global, contra a contaminación e en favor da vida e da biodiversidade.

Segundo unha enquisa realizada por Sigma Dos no 2023:

  • O 83 % das persoas enquisadas aseguran que si que se está producindo un cambio climático.
  • O 75 % sinalan o ser humano como responsable.
  • O 76 % confesan estar moi preocupadas e consideran que se trata da maior ameaza que afronta a humanidade.

Na mesma enquisa, indicábase que o 82 % consideran bastante urxente tomar medidas, pero aseguran que os gobernos e as empresas privadas non están á altura.

O que lle pedimos ás nosas representantes das institucións locais é que representen ese 82% da poboación que considera que hai que actuar, e que lle demostren á cidadanía que a nivel local si que estamos dispostas a mudar as cousas para mellor.

En concreto, pedirémoslle a todos os concellos de Galicia que adopten os seguintes acordos para levalos a cabo ao longo dos anos 2024 e 2025 en todas as actuacións que o concello costee:

  1. Contratar unha tarifa enerxética de enerxía 100% renovable para todos os consumos.
  2. Reducir o consumo de papel, empregar só papel reciclado e tintas de orixe vexetal para a impresión.
  3. Renovar a rede de alumeado municipal onde sexa preciso na procura dun menor consumo enerxético. Primar o alumeado nas zonas peonís e non nas estradas. Empregar sensores de movemento sobre todo en zonas pouco transitadas para non ter farois acesos toda a noite sen dárselles ningún uso.
  4. Promover dun xeito efectivo a reciclaxe, instalando contedores de todos os tipos onde aínda non os hai e mellorar a recollida de residuos, especialmente no rural.
  5. Primar a mobilidade activa e inclusiva, a pé e en bicicletas.
  6. Establecer un plan de transporte sostible urbano-rural e potenciar o transporte público e a intermodalidade.
  7. Facer un plan de renaturalización, restauración, conservación e protección de espazos naturais. Programa de eliminación de especies exóticas invasoras.
  8. Facer un plan preventivo contra incendios forestais, asolagamentos e secas.
  9. Elaborar un censo actualizado da biodiversidade do concello.
  10. Establecer zonas de reserva para a conservación da biodiversidade.
  11. Fomentar da mobilización de terras para a produción ecolóxica e recuperación de antigas terras de cultivo.
  12. Investir no saneamento integral dos cursos fluviais e/ou litorais e control dos vertidos.
  13. Recuperar os espazos naturais fluviais e/ou do litoral eliminando infraestruturas abandonadas ou que non xustifiquen a súa instalación nese lugar.
  14. Fomentar medidas de aforro e uso racional a respecto do mantemento e o reaproveitamento.
  15. Facer un plan de protección e recuperación de acuíferos e humedais.
  16. Facer un plan de substitución de caldeiras comunitarias de gasóleo dos edificios por outras caldeiras que funcionen con enerxías renovables.
  17. Abandonar os combustibles fósiles, apostando por unha enerxía 100% renovable.
  18. Instalar nos edificios públicos paneis fotovoltaicos para consumo público e/ou compartir con persoas vulnerables.
  19. Reducir significativamente a carga fiscal en vivendas e edificios que instalen autoconsumo ou realicen medidas de eficiencia enerxética.
  20. Destinar fondos específicos a familias en pobreza enerxética.
  21. Axustar os orzamentos anuais do concello para poder atender estes acordos.

Unha opinión sobre “Campaña de mocións en todos os concellos do país. Pensamos globalmente, actuamos localmente.

  1. Pingback: 2 de decembro, mobilización climática do MGPC pola celebración da COP 28: Solucións e Non Declaracións! - Verdegaia

Deixar un comentario